Thursday 02 de May de 2024

A Xunta participa nas actividades de ocio educativo con motivo do “Día da Xuventude” en Santa Comba


Entre as actividades propostas hai xogos, actuacións musicais, como a de DJ Rokiño e obradoiros de empregabilidade, de igualdade de xénero, de sensibilización medioambiental, de gastronomía saudable e de lecer educativo, entre outros

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde nas actividades de ocio educativo con motivo do ‘Día da Xuventude’ en Santa Comba, en concreto, no mercado do gando do recinto feiral. Esta iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia, está a percorrer unha trintena de concellos galegos ata o vindeiro mes de abril.

A través deste programa, ofrécese ás mozas e mozos un amplo abano de actividades gratuítas, como obradoiros dinámicos de cociña saudable, de grafitti ou sobre igualdade de xénero, ademais de actividades relacionadas coa protección do medio ambiente e a empregabilidade. As diferentes propostas lúdicas e formativas comezan ás 16.00 horas e prolónganse ata as 21.00 horas, e inclúen unha actuación musical a cargo de artistas ou grupos locais. En Santa Comba actuará DJ Rokiño.

Toda esta programación non só achegará o ocio e a formación á xuventude galega, senón tamén favorece á conciliación da vida familiar e laboral. Cómpre recordar que o Día da Xuventude ponse en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.